Acabamos de recibir a boa nova de que este ano fomos seleccionados para participar no XXIV Día da Ciencia na Rúa, que terá lugar no Parque de Santa Margarida de A Coruña o sábado, 4 de maio. Estamos moi ilusionados por participar nun evento coma este e agora imos comezar a selección de experiencias e experimentos que imos presentar para ese día. Aínda estades a tempo de aportar as vosas ideas.
Eva e David (de 6º e 3º de Primaria) amósannos neste interesantísimo vídeo a importancia da luz nas cores e como lles afectaba aos exipcios na súa vida cotiá.
O xoves, 20 de xuño, celebraremos a 1ª Edición da Feira Científica do noso centro. Esta idea xurdiu da proposta da asemblea de alumnado e con esa ilusión estamos a preparala. Iremos dando máis detalles segundo vaiamos sabendo horarios, participantes e o resto dos aspectos da mesma. EN MARCHA.
Desde o comezo da andaina do noso Club de Ciencia estamos a buscar persoas expertas no mundo científico para que nos axuden a levar a cabo este proxecto. A día de hoxe xa se nos uniron: Francisco Armesto Ramón: Director Técnico de Proxectos dos Museos Científicos Coruñeses. Eva Montenegro Piñeiro: Técnico de Proxectos do Muncyt. María Viña Rebolledo: Técnico de Proxectos do Muncyt. José Manuel Viñas Diéguez: Profesor de Bioloxía e Xeoloxía do IES David Buján de Cambre e impulsor da Feira Científica de Cambre e o blogue "XenT D100cia". Grazas a todos pola vosa colaboración.
Os nenos e nenas de 4º de Educación Infantil están a investigar o magnetismo. Traballaron con distintos materiais e superficies para ver como é a atracción magnética. Podemos ver algunha foto aquí do que fixeron. No apartado GALERÍA da web do colexio (http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipriadoburgo/galeria/) podedes ver todas as fotos.
Na biblioteca do noso colexio estamos a incorporar algúns libros para que traballemos o método científico, a investigación, a presenza de mulleres no eido científico e, en definitiva, a ciencia. Na foto que aparece abaixo podedes ver algún dos exemplares.